Thursday 25 de April de 2024

O Centro social de Oleiros suma e segue: finalista dos premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia


Este novo recoñecemento engádese á súa candidatura aos 57º Premios FAD de Arquitectura

O Centro Social de Oleiros suma e segue. Se a pasada semana trascendeu que esta moderna edificación obra de Carlos Seoane foi seleccionada como candidata aos Premios FAD de Arquitectura na súa 57ª edición (este sábado acudirá o xurado para ver a obra in situ), agora se deu a coñecer que tamén é finalista dos 16º Premios COAG, convocados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Máis concretamente, o centro social compite na categoría de Equipamentos, xunto a outros proxectos como a Comisaría Local de Vigo-Redondela, a Casa Consistorial da Fonsagrada, o Centro de Aplicacións Láser de Aimen, o Cemiterio e Tanatorio Municipal de Dumbría ou o Centro de Saúde de Monterroso (todos os candidatos aquí: https://www.coag.es/premiosCOAG/candidaturas/portada.aspx).

A entrega de premios realizarase nun acto público o vindeiro 13 de marzo, ás 20 horas, no Auditorio da Afundación de Vigo.

Drenaxe e pavimentación
Ao fío desta noticia cómpre lembrar que ao longo desta semana se está a executar unha actuación dirixida a mellorar o sistema de drenaxe e a estender unha nova superficie a base de pavimento terrizo reforzado na explanada situada fronte ao centro social.

A empresa Alberto Pérez Sampedro é a encargada de levar a cabo esta obra, que ten un importe de 17.671 euros, IVE incluído.

Incluída no proxecto de Riveira Atlántica 2015 e cofinanciada nun 70% con fondos FEDER, a edificación deseñada por Carlos Seoane consta de dous volumes dunha soa planta dispostos en “L”. Cada un deles ten un carácter distinto: un lonxitudinal a modo de fondo de praza onde se sitúan todos os despachos e espazos máis convencionais; e un segundo, situado no borde norte da parcela, concibido como un espazo flexible e divisible mediante tabiques móbiles. Este último volume pódese abrir ao exterior permitindo unha maior versatilidade de usos, incluso para dar cabida a actividades culturais abertas á nova praza de 990 metros cadrados aproveitando a diferenza de cota sobre a mesma. Por outra parte, un xogo de escalinatas-graderío permitirá un uso distinto deste último espazo liberado.